Friday 03 de May de 2024

O concello de Riveira activa unha nova actuación para recuperar o lavadoiro de Ameneiro e o seu camiño de acceso


O camiño será desbrozado e pavimentado con pedras de granito ademais de colocar unha rede de pluviais, e o lavadoiro será restaurado e limpado

O Concello de Riveira vén de solicitar unha subvención co obxecto de proceder a realizar unha actuación de mellora ambiental ao camiño de acceso dende a cidade ao lavadoiro de Ameneiro e no propio elemento patrimonial.
Esta actuación, que supón un investimento de 25.793,62 euros, persegue a recuperación dun espazo ambientalmente degradado que se localiza moi preto do casco urbano, indo en dirección cara o parque periurbano de San Roque.

Pintadas
O camiño que conduce ao lavadoiro atópase actualmente intransitable debido á abundante vexetación que presenta e á elevada cantidade de auga que descorre polo mesmo. Ademais, o propio lavadoiro está bastante deteriorado (coas paredes laterais derruídas e danadas as columnas que suxeitan a cuberta actual) e posúe numerosas pintadas en toda a superficie.
Así e logo, a actuación que se pretende levar a cabo incide en dúas vías:
Por un lado, actuarase no camiño de acceso do seguinte xeito:
• Instalarase unha rede para a recollida das augas superficias que descorren polo camiño, formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro. Tamén se disporán 3 pozos de rexistro e 3 arquetas sumidoiro.
• Desbrozarase a traza do camiño da maleza que actualmente a invade.
• Renovarase o pavimento terrizo actual por un máis duradeiro e igualmente acorde co entorno, formado por pedras de mampostería de granito sobre soleira de formigón.
E por outro lado, actuarase no lavadoiro:
• Adecuarase a cuberta colocando tella cerámica curva sobre placas minionda de fobrocemento.
• Limparase con máquina a presión a parede de pedra pola que escorre a auga do manancial que abastece o lavadoiro.
• Pintaranse as superficies deterioradas con pintadas.
• Reporanse con ladrillo as paredes laterais e chapearanse con pedra de mampostería granítica.
O prazo de execución son dous meses.